Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos e obter información estadística.

Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso.

Para obter máis información e saber como cambiar a configuración prema aquí.

Santiago de Compostela. Galiza
+34 669 419 048 · laiovento@laiovento.com

NUNHA PRESA DE TERRA

Esta é unha novela con moitas máis cousas, pero eu fíxome sobre todo nunha: a portentosa descrición da vida labrega de cando Paco Castro e mais eu eramos tamén nenos labregos, el por terras do Incio e eu pola Terra Chá, que ó fin e ó cabo vénvos sendo o mesmo. Pero aquí non hai ningún etnografismo, hai vida. Os personaxes son verdadeiros: son persoas, non tipos. Eu non os coñecín, pero recoñézoos con todas as súas luces e sombras, con todas as súas infinitas facetas: o pai atormentado polo seu alcoholismo irremediable, a prodixiosa mai intelixente e valorosa e triste, o amor imperfecto pero fatídico entre os dous, a esperanza terque no futuro. E o neno que medra e cambia. E a vida tal como é, ou como era.

Coincide o tempo desta novela cunha mudanza feroz: Paco Castro e mais eu nacemos case na agricultura neolítica, e nos anos da nosa infancia e mocidade unha cultura milenaria foi destruída sen dar lugar a algunha cousa nova e propia, senón a unha aculturación, a unha asimilación, a unha colonización. Isto é algo que tamén conta John Berger de sitios que chamamos Francia. É o mesmo: Paco Castro cóntao de nós, e tampouco non fai etnografía, porque el está radicalmente da parte de dentro.

Podiamos meternos en comparanzas, pero isto é diferente: diferente das grandes novelas de nenos labregos da nosa literatura, que son, digo eu, as Aventuras de Alberte Quiñoi e as Memorias dun neno labrego. Isto é outra cousa: está máis preto de nós. E doe máis. Cantas veces pensaría eu en escribir unha novela así, e nunca me atrevín! Grazas a Paco Castro por escribila e darma a ler.

Darío Xohán Cabana

Titulo: NUNHA PRESA DE TERRA

Autor: Paco Castro Alvaredo

Catálogo Xeral, 306

Santiago, 2013

184 páxinas

narrativa

peto 14x21cm

ISBN: 84-8487-236-8

CINCUENTA DÉCIMAS CONTRA DON DIEGO DE ZERNADAS
A INVENCIÓN DUN DEUS. XESÚS DE NAZARET
EDUARDO PONDAL, O CANTOR DO EIDO NOSO
MUDANÇA POLÍTICA E SISTEMAS CULTURAIS EM TRANSIÇOM
FIN DE FESTA
O DERRADEIRO DÍA DUN CONDENADO / CLAUDE GUEUX
AS ARTES DA VIDA DE ÁNXEL HUETE
MICROEFECTOS DRAMATÚRXICOS
DA IDENTIDADE À NORMA
O TTIP
ACTA DE VÍTIMAS
RAMÓN DEL VALLE-INCLÁN ENTRE GALIZA E MADRID 1912-1925
© Edicións Laiovento, 2016 · todos os dereitos reservados · privacidade · política de cookies · condicións de uso